POESIA PALMERIANA

Los poetas somos como los leones, después de que nos disparen podemos lanzar nuestras garras. Página administrada por el poeta Ramón Palmeral, Alicante (España). Publicamos gratis portadas de los libros que nos envían. El mejor portal de poetas hispanoamericanos seleccionados. Ramón Palmeral poeta de Ciudad Real, nacido en Piedrabuena.
Contacto: ramon.palmeral@gmail.com.
La mayor satifacción que tengo al escribir es saber que alguien me lea cuando yo esté muerto.

martes, 19 de diciembre de 2023

Luz Valente: Luz Pozo Garza e José Ángel Valente, dous poetas, dous poemas

UNIVERSIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA. BOLETIN GALEGO DE LITERATURA. 

 

Boletín Galego de Literatura, (61) (2023). ISSN-e: 2174-4025 https://doi.org/10.15304/bgl.61.9225

Estudos

 

Luz Valente: Luz Pozo Garza e José Ángel Valente, dous poetas, dous poemas

Luz Valente: Luz Pozo Garza and José Ángel Valente, two poets, two poems

 

Laura Paz Fentanes1,a

1 Universidade de Santiago de Compostela, España

 

 alaura.paz.fentanes@rai.usc.es

 

Recibido: 31/05/2023; Aceptado: 22/10/2023

 

Resumo

Neste artigo exponse a relación literaria que mantiveron dous grandes poetas galegos: José Ángel Valente e Luz Pozo Garza, pioneiros no uso do galego como lingua escrita e literaria na posguerra. Explícase como se coñeceron, reúnense as dedicatorias mutuas que se escribiron e, por parte da poeta ribadense, expóñense as mencións que fai do ourensán na correspondencia con dous grandes amigos de ambos, os poetas Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, e os poemas que Luz Pozo Garza escribiu en homenaxe a Valente. Neles atopáronse ecos da poesía valenteana con múltiples referencias aos títulos dos poemarios de José Ángel Valente, así como ás súas fontes e poetas máis admirados, como Rimbaud ou Lautréamont. Para levar a cabo todas estas tarefas recorreuse á biblioteca persoal de José Ángel Valente, custodiada na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; ao legado de Luz Pozo Garza, na Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura; e ás publicacións que recollen os poemas que Luz Pozo Garza lle dedicou a José Ángel Valente, é dicir, os libros Homaxe a José Ángel Valente e Poetas con Valente e as revistas Clave Orión e Unión Libre.

Palabras chave: José Ángel Valente; Luz Pozo Garza; poesía galega; dedicatorias; correspondencia.

 

Abstract

This article describes the literary relationship between two great Galician poets: José Ángel Valente and Luz Pozo Garza, pioneers in the use of Galician as a written and literary language in the post-war period. It explains how they met, brings together the mutual dedications that they have written to each other and, on the part of the Ribadense poet, the mentions she makes of Valente in her correspondence with two great friends of both, the poets Claudio Rodríguez Fer and Carmen Blanco, and the poems that Luz Pozo Garza wrote in honour of Valente. In them echoes of Valentean poetry were found in the multiple references to the titles of José Ángel Valente’s poetry books, as well as to his sources and most admired poets, such as Rimbaud or Lautréamont. To carry out all these tasks, we searched the information in the personal library of José Ángel Valente, kept in the José Ángel Valente Chair of Poetry and Aesthetics at the University of Santiago de Compostela; in the legacy of Luz Pozo Garza, in the Library of Galicia in the City of Culture; and in the publications that collect the poems that Luz Pozo Garza dedicated to José Ángel Valente, that is, the books Homaxe a José Ángel Valente and Poetas con Valente and the magazines Clave Orión and Unión Libre.

Keywords: José Ángel Valente; Luz Pozo Garza; Galician poetry; dedications; correspondence.

 

Como citar: Paz Fentanes, L. (2023). Luz Valente: Luz Pozo Garza e José Ángel Valente, dous poetas, dous poemas. Boletín Galego de Literatura, 61, “Estudos”. DOI http://dx.doi.org/10.15304/bgl.61.9225

 

Copyright © Universidade de Santiago de Compostela. Artigo en acceso aberto distribuído baixo os termos da licenza Atribución-Non comercial-Non derivadas 4.0 Internacional (CC BY-NC-ND 4.0)


 

 

 

Introdución

José Ángel Valente, escritor, poeta e ensaísta ourensán, e Luz Pozo Garza, escritora, poeta e crítica literaria ribadense, mantiveron un contacto, se ben breve, o suficientemente determinante como para que o influxo do primeiro marcase parte da obra da segunda, como se poderá comprobar a través da análise dos poemas adicados ao ourensán. Ademais, na súa traxectoria literaria comparten o feito de ser precursores no uso do galego como lingua escrita e literaria no período de posguerra; non obstante, as diferenzas literarias e vitais entre ambos tamén son visíbeis.

Por unha banda, José Ángel Valente empregou o galego na súa mocidade poética como artista nacido en Ourense. Foi un precursor no uso da lingua galega, nun ámbito que lle estaba vedado, coa publicación do seu poema “Finisterre” no diario La Noche no ano 1947, tal e como apunta Claudio Rodríguez Fer (2018): “[...] Se convirtió así en un pionero de la publicación en gallego por parte de la mocedad posbélica o de quien no había editado nada en ese idioma antes de la guerra civil” (p. 100). Non obstante, o seu periplo vital e educativo levouno a residir algún tempo en Madrid primeiro e logo en Oxford. Xa máis tarde, a súa vida profesional desenvolveuse en Xenebra e París, tras a que se acabou retirando en Almería. Por todas estas razóns, así como polo seu maior vínculo con poetas españois como Vicente Aleixandre, escribiu a maior parte da súa obra en castelán. A excepción a isto aparece na década dos oitenta, cando o autor recupera a lingua galega co seu poemario Cántigas de Alén.

Pola outra, Luz Pozo Garza viviu a maior parte da súa vida en distintos puntos xeográficos de Galiza, aínda que realizou diversas viaxes ou estancias a destinos como, por exemplo, Portugal, Alemaña ou Bélxica. No eido lingüístico-literario, Luz Pozo Garza comezou a súa carreira escribindo en castelán, mais a súa obra escrita en lingua galega supuxo non só unha revolución na temática frecuentemente tratada na literatura galega, senón tamén na estética dominante.

 

Metodoloxía

A metodoloxía empregada para descifrar o tipo de vínculo que uniu a José Ángel Valente e a Luz Pozo Garza é de tipo indutiva, xa que se parte da existencia de dedicatorias, de textos e de poemas. Para analizar as composicións poéticas de Luz Pozo Garza en memoria de José Ángel Valente recorreuse aos espazos nos que se publicaron os poemas: os libros Homaxe a José Ángel Valente e Poetas con Valente e as revistas Clave Orión, dirixida pola propia Luz Pozo Garza, e Unión Libre, dirixida polos amigos de ambos poetas Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco. De igual forma, tamén foi de axuda a obra do poeta ourensán, xa que nela atópanse as chaves para poder entender todas as referencias directas, na maioría dos casos, e indirectas, noutros, que encerran os versos dedicados pola ribadense.

Deste xeito, comezarase expoñendo o testemuño do primeiro encontro persoal entre os autores a través de quen os presentou, o anteriormente citado como amigo de Luz Pozo Garza e José Ángel Valente, Claudio Rodríguez Fer. Logo recorrerase aos legados de cada un dos autores para poder reunir as dedicatorias que se escribiron mutuamente nos seus libros e tratarán de explicarse ou contextualizarse nos casos nos que sexa preciso algunha aclaración. Finalmente, destacaranse os ecos valenteanos nas poesías dedicadas por Luz Pozo Garza ao poeta, naquel momento, recentemente falecido. Eses ecos serán principalmente referencias a poemarios ou a antoloxías de José Ángel Valente e as súas fontes e principais poetas admirados, como Rimbaud ou Lautréamont.


 

 

Primeiro encontro

José Ángel Valente e Luz Pozo Garza coñecéronse o 28 de abril de 1993 no Hotel Atlántico da Coruña presentados por Claudio Rodríguez Fer, a quen lle agradezo a súa orientación neste artigo que nace como froito do encontro “Centenario de Luz Pozo Garza, poeta cantora de Valente” que tivo lugar en novembro de 2022 na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética (en adiante, Cátedra Valente), que el mesmo dirixe, na Universidade de Santiago de Compostela, e onde interviñeron grandes estudosos da vida e da obra da poeta. Claudio Rodríguez Fer (2012) relata que “Valente ofreció una lectura poética comentada en el salón de actos del Instituto de Enseñanza Media Eusebio da Guarda de A Coruña, presentado por el poeta Xavier Seoane” (p. 136), e o propio José Ángel Valente escribiu no seu Diario anónimo as súas impresións tras esta visita (Valente, 2011). A isto hai que engadir o testemuño directo do primeiro encontro entre Luz Pozo Garza e José Ángel Valente no que actuou de mediador Claudio Rodríguez Fer (2012):

Recuerdo que ese día, Carmen Blanco y yo nos encontramos con él [con Valente], antes de su recital, en el Hotel Atlántico, para saludarlo y para hablar del Encuentro Internacional sobre su obra que yo estaba organizando en el seno de la Universidad de Santiago de Compostela. Y también que luego dedicó unos libros a la poeta Luz Pozo Garza. (p. 137)

 

Este encontro estivo propiciado en parte polo regreso de Luz Pozo Garza a Galiza tan só sete meses antes. Carmen Blanco (2002), na biografía que realizou sobre a poeta ribadense, explica que

[...] en setembro de 1992 a autora traslada de novo a súa residencia á cidade da Coruña para estar máis preto do fillo e da filla que viven en Galicia, ao tempo que pasa tempadas en Irlanda, onde vive a filla maior, Mónica. (p. 61)

 

Dedicatorias e segundo encontro

Por unha banda, as dedicatorias de José Ángel Valente a Luz Pozo Garza atópanse na biblioteca da autora, legada á Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a cuxo persoal bibliotecario agradezo o feito de me ter guiado no acceso a dito fondo. Nesa mesma biblioteca, do 9 de xuño ao 17 de outubro de 2022, tivo lugar a exposición “Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida”, que deu como resultado un magnífico catálogo homónimo coordinado por Carmen Blanco e Olivia Rodríguez González. No legado de Luz Pozo Garza consérvanse até catro libros dedicados por José Ángel Valente. En primeiro lugar, en Las palabras de la tribu pode lerse: “para Luz en este encuentro -reencuentro- con el afecto de José Ángel. A Coruña-primavera 1993”. O suposto reencontro parece ser unha metáfora, pois, como xa se indicou os poetas coñecéronse no momento en que José Ángel Valente lle dedica este libro. Non obstante, Luz Pozo Garza coñecía e admiraba a obra de José Ángel Valente, mais este non era lector da dela até ese momento.

En segundo lugar, en Punto cero José Ángel Valente escríbelle simplemente: “Para Luz con la viva amistad de José Ángel”. Algo máis rica en contido quizais sexa a terceira dedicatoria, que se atopa en Material memoria (1979-1989): “Luz: tu libro es muy hermoso. Gracias. Te envío un abrazo fraterno. José Ángel. Apartado 185 04080 Almería. (Me gustaría leer tu trabajo sobre Pimentel)”. O libro ao que se refire Valente nesta dedicatoria é o poemario Prometo a flor de loto (1992), que Luz Pozo Garza lle dedicou e que se comentará posteriormente. O traballo sobre Pimentel ao que tamén alude nesa mesma dedicatoria é o ensaio A bordo de “Barco sin luces” ou o mundo poético de Luís Pimentel, publicado no ano 1990. A poeta non llo debeu de enviar finalmente porque non hai ningún exemplar na biblioteca do autor. Así mesmo, esta


 

 

dedicatoria é a única pista que parece apuntar a que entre ambos autores puido haber un intercambio epistolar puntual; pois, polas palabras de Valente dedúcese que xa lera o libro que, como se explica máis adiante, lle dedicara Luz Pozo no encontro de 1993. Nesta liña, a expresión “Te envío”, aínda que pode ser metafórica, reforza esta teoría. Non obstante, tanto na Cátedra Valente coma no Arquivo de Galicia, onde tamén se custodia a correspondencia da poeta, non se coñece que existise tal intercambio epistolar, xa que non hai (ou poida que os propios autores non conservasen) cartas entre eles.

A cuarta e derradeira dedicatoria de José Ángel Valente a Luz Pozo Garza atópase na antoloxía poética El fulgor: “Para Luz de su amigo José Ángel”. A dedicatoria deste libro é moi significativa, xa que o segundo, e tamén o derradeiro encontro do que se ten constancia entre os poetas, prodúcese o 26 de maio de 1998 con motivo da presentación da antoloxía dedicada. Nesa ocasión, Valente estivo acompañado por Claudio Rodríguez Fer (2012), que volveu facer de nexo entre ambos e foi testemuño do reencontro dos poetas:

El 26 de mayo de 1998, Valente y yo presentamos en la capilla del Hostal de los Reyes Católicos de Santiago de Compostela la antología poética “El fulgor” [...]. Recuerdo que asistieron numerosos escritores gallegos que hablaron con Valente en mi presencia, como Luz Pozo Garza [...]. (p. 146)

 

Pola outra banda, a única dedicatoria de Luz Pozo Garza a José Ángel Valente atópase, como xa se apuntaba, en Prometo la flor de loto. O libro dedicoullo no seu primeiro encontro, tal e como a poeta ribadense lle escribe na dedicatoria: Para José Ángel Valente: encontro no abril

- 93. Luz Pozo Garza”.

 

José Ángel Valente na correspondencia de Luz Pozo Garza a través de

Unión Libre

Luz Pozo Garza sentiu unha grande admiración pola obra e pola figura de José Ángel Valente, a quen tamén dedicou dous poemas, así como uns versos que permaneceron inéditos e que se comentan máis adiante. Isto demóstrase nas numerosas mencións que lles fai a Claudio Rodríguez Fer e a Carmen Blanco nas cartas que lles envía. Como é de esperar, con quen máis falou a ribadense de Valente foi con quen llo presentou e, afortunadamente, a correspondencia entre os autores fíxose pública no ano 2020, no número 25 da revista Unión Libre. Cadernos de vida e culturas. Arte epistolar, dedicado á poeta e dirixido polos propios interlocutores da poeta.

A primeira alusión que fai Luz Pozo Garza a José Ángel Valente ou, máis concretamente á súa obra, aparece nunha carta do ano 1998 a raíz do envío do poemario Cántigas de alén (1989) que lle fan os poetas Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco: “A Carmen e Claudio: Benqueridos. Gracias polas vosas preciosas Cántigas de alén – e polos fermosos comentarios. Vanvos os meus agarimos desde o lugar da LUZ” (Pozo Garza, 2020c, p. 52).

A seguinte referencia prodúcese nunha carta de 2001, onde a poeta lles envía o manuscrito dun dos poemas que escribe en memoria de Valente e a versión definitiva mecanografada:

A Coruña, 15-03-2001.

 

Carta cun debuxo orixinal da poeta, cunha dedicatoria autógrafa e co poema ‘Autolectura do fulgor’, ‘A José Ángel Valente: In Memoriam’, en dobre versión manuscrita e mecanografada (cun engadido manuscrito).

 

‘Convite para tres: Carmen, Claudio, Mariña.

 

Luz.


 

 

Benqueridos Carmen-Claudio: Envíovos o poema autógrafo A José Ángel Valente: In Memoriam. Era un poeta moi fondo que regresa á súa orixe.

Imos celebrar a súa palabra en nós. Bicos-Luz

 

(Decidín escribir o poema: non tiña ningún digno de Valente. Este alomenos acusa as referencias!) [...]

Texto defnitivo: Un bico Carmen Claudio Mariña (Pozo Garza, 2020c, p. 62-63)

 

Nese mesmo ano dátase o manuscrito onde se atopa o segundo poema dedicado ao poeta. Neste manuscrito, despois do poema en memoria de José Ángel Valente reprodúcense as composicións dedicadas aos escritores e ás escritoras Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Pociña e Aurora López, que se centran na relación da poeta con todos eles. O poema a Valente reprodúcese, xunto co enviado o día 15 de maio, máis adiante para a súa análise, polo que aquí só se citarán os datos proporcionados en Unión Libre (2020):

A Coruña, Primavera, 2001.

 

Manuscrito de «Divertimento coas letras» en catro folios, posteriormente retomado e retocado artística e paratextualmente pola poeta en 2012 para a súa publicación en Clave Orión, número XVI-XVII, correspondente aos anos 2009-2017. (p. 64)

 

No ano 2012, Luz Pozo Garza envíalle a Claudio Rodríguez Fer unha terceira composición, que podería catalogarse como breve poema, en memoria de José Ángel Valente. Trátase duns versos improvisados que permaneceron inéditos até a súa publicación no número 25 de Unión Libre e que se rescatan aquí:

A Coruña, 29-07-2012.

 

Correo electrónico a partir do vídeo de Claudio Rodríguez Fer falando de ‘Valente contra el silencio y la resignación’ no Círculo de Lectores de Madrid, publicado en Youtube.

 

‘A VALENTE SEMPRE:

Reino do amor

onde a emoción fulgura

esquecemos o tempo e máis o alén do mar perdida a orela

a morte non existe a morte non existe

LUZ’ (Pozo Garza, 2020c, p. 129)

 

 

Estes versos, ademais de incluír a palabra “fulgura” en referencia a El fulgor de José Ángel Valente, algo que será recorrente nas outras composicións que Luz Pozo Garza lle dedica ao ourensán, parecen estabelecer tamén un diálogo coa cántiga “Dicer de tódalas augas” do poemario galego de Valente Cántigas de alén:

 

Da beiramar fuxín, subín ó monte.

Hoxe dícenme as augas:

Mañán é onte.


 

 

Pra non morrer,

pra non morrer endexamáis de morte, a frol da acacia levo

veciño e lonxe. (Valente, 2014a, p. 519)

 

 

O 23 de setembro de 2012, noutro correo electrónico, Luz Pozo Garza alude a José Ángel Valente a propósito do epistolario entre o escritor Julio Cortázar e o poeta ourensán. Este epistolario, como o resto do poeta galego, dos seus manuscritos, dos seus arquivos e da súa biblioteca persoal, permanece custodiado na Cátedra Valente, fundada no ano 2000 tras a doazón do autor e tras o seu nomeamento un ano antes como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela, sendo reitor Darío Villanueva. Con respecto ao epistolario entre Julio Cortázar e José Ángel Valente, Luz Pozo Garza opina: “(Interesantísimo o epistolario Valente-Cortázar. Dous valores inesgotables! E quen rexe a Cátedra e ten nas súas sabias mans estes tesouros!) Luz” (Pozo Garza, 2020c, p. 135).

De forma similar, resulta tamén esclarecedora a mención a José Ángel Valente como resposta á pregunta dos poetas preferidos no Cuestionario Proust que respondeu a poeta ribadense no ano 2010: “Eduardo Moreiras, Rosalía de Castro, Rilke, Safo, Aleixandre, Pimentel, Cunqueiro, Valente, Xohana Torres, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer e os poetas da antoloxía de Nordés de 1991” (Pozo Garza, 2020c, p. 113)1 .

 

Poemas de Luz Pozo Garzo a José Ángel Valente: conexións e lembranzas

O primeiro poema que Luz Pozo Garza lle dedica a José Ángel Valente titúlase “Autolectura do fulgor”. Foi publicado por primeira vez en Homaxe a José Ángel no ano 2001 e despois, ademais de no xa citado número 25 da revista Unión Libre (p. 63), no libro Poetas con Valente (Pozo Garza, 2010, p. 16-19), volume no que participaron ademais os Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer e as poetas Olga Novo e Tera Blanco de Saracho. Así mesmo, o volume foi iluminado cos retratos que a artista lucense Sara Lamas fixo de José Ángel Valente. O poema tamén foi incluído na Antoloxía poética. Poesia antologia. Antologia poética (1990- 2003) (Zumeta, 2004, p. 57-58)2 .

 

AUTOLECTURA DO FULGOR

A JOSÉ ÁNGEL VALENTE:

IN MEMORIAM

 

e porque xa dictaras unha lección de tebras por Rimbaud

Lautréamont

acaso Pimentel e outros adolescentes e todo se nos volve laxitude do pranto

 

e porque declarabas a avidez da palabra nun tempo de mudanza ou se prefires




 

1 Este cuestionario, publicado orixinalmente en Evohé. Revista Cultural do Campus de Lugo, n.º 25, foi recentemente reimpreso no magnífico volume bilingüe Unha camelia: antoloxía poética. One camelia blossom: poetry anthology, traducido por Adina Ioana Vladu e Jonathan Dunne (2021).

2 Nas páxinas 95 e 96 aparece traducido ao éuscaro e nas páxinas 127 e 128 ao catalán.


 

nas variacións da música absoluta como única certeza pois dictabas unha lección de letras

arquetípicas

escribindo na sombra con luz vívida unha palabra soa que arrasaría o mundo e a vibración persiste

 

e porque a morte entraba tan licenciosa pola patria túa

meditando a deshora na materia da vida en progresión harmónica

 

a saber se chegabas ou seguías por datas imcumpridas

nas áureas soterradas aínda quentes dos humus magma e matriz de augas lustrais

onde é posible o vértigo

 

tamén porque dictabas vellas profecías signos de luz e historia

de extincións e de exilios en letra convertida na que reside toda a santidade

 

e agora que todo se nos volve emboscado silencio a media voz dictado

e todo é tebra e mito irremediables agás a reservada fidelidade da morte

 

mesmo os oficios dúctiles que amabamos de nenos

madeiras de amieiro serradas con amor nun alpendre da patria

 

agora cae a chuvia na chuvia como pranto despois de tanta indefensión sen Rimbaud

sen Lautréamont

sen Pimentel acaso sen Valente

 

e xa neste vacío que foi reino das aves non hai moito

e agora a voz aquela vai entrando na orixe

 

escribo en amor este epitafio sobre os fragmentos rotos

e estelares dese fulgor cumprido do teu nome secreto para a morte

 

e digo estas palabras no límite:

NON HAI XA ADOLESCENTES QUE NOS SALVEN. (Pozo Garza, 2020a, p. 63)

 

 

Este poema está cheo de referencias á antoloxía que reuniu aos poetas por segunda vez, El fulgor, dende o propio título. A seguir, existe unha dedicatoria explícita en memoria do poeta falecido no momento de composición, tan só dez meses despois do seu pasamento. O primeiro verso da composición, “e porque xa dictaras unha lección de tebras” (Pozo Garza, 2020a, p. 63), alude á obra valentiana Tres lecciones de tinieblas. Nesa primeira estrofa da composición


 

 

aparecen tres nomes propios dos poetas Rimbaud, Lautréamont e Pimentel. Primeiramente, Rimbaud foi un poeta francés que deixou de escribir ós vinte anos, tras reunir as súas obras (para saber máis sobre a vida e a obra deste poeta pode consultase Rimbaud (1973) de Pierre Brunel, libro que o propio José Ángel Valente conservaba na súa biblioteca persoal). En segundo lugar, Lautréaumont foi un poeta uruguaio considerado o precursor do surrealismo en Francia, que faleceu aos vinte e catro anos (para saber máis sobre este poeta pode consultarse Vie de Lautréamont (1970) de Édouard Peyrouzet, libro que Valente tamén conservou na súa biblioteca). Ambos foron moi admirados polo ourensán, tanto que se converteron no motivo do seu poema “Punto cero”, incluído no poemario El inocente (1970) e, en 1991, publicado pola Residencia de Estudiantes en Rimbaud: 1891-1991, onde participaron outros poetas, como Claudio Rodríguez ou José Lezama Lima. Ademais desta composición a existencia de até 15 volumes de e/ou sobre a figura de Rimbaud e 16 de e/ou sobre Lautréamont na biblioteca persoal do autor, a cuxo contido se pode acceder a través da catalogación e do estudos de Redondo Abal e García Candeira (2016), son unha proba máis do impacto que tanto Rimbaud como Lautréamont supuxeron para o poeta ourensán. Ambos son emblemas da poesía e da xuventude, por iso Luz Pozo Garza repite os seus nomes ao longo da composición e reitera a súa adolescencia dende o comezo até o final do poema. No caso do terceiro poeta mencionado, Pimentel, Valente conservou tan só tres libros, pero o seu interese por este por el quedou demostrado na xa citada dedicatoria que o ourensán lle escribiu no seu volume de Material memoria (1979-1989) a Luz Pozo Garza. Pola contra, a relación desta última con Pimentel foi máis estreita, xa que ela estivo en contacto con el tal e como rexistra Carmen Blanco (2006), Luz Pozo “[...] se trasladó a Lugo, donde conoció a Pimentel postrado por el horror de los acontecimientos que relata en su poema ‘El prisionero’, y desde donde tuvo que marchar a Marruecos” (p. 22).

As dúas seguintes estrofas entroncan directamente coa autolectura, neste caso de José Ángel Valente, que engade ao seu poemario breve Tres lecciones de tinieblas, onde proporciona as chaves interpretativas do mesmo. Así, a musicalidade referida na segunda estrofa do poema de Luz Pozo Garza remite directamente ás palabras de Valente (2014d): “Los textos de Tres lecciones de tinieblas tienen su origen en la música” (p. 403). Na terceira estrofa do poema, a lección de letras arquetípicas, a sombra, a luz e a vibración remiten de novo á explicación do poemario que plasma Valente (2014d):

Pero convertirse al Señor es convertirse a las letras, remitirse al eje de las letras, pues -como dice el rabí de Mezeritz- el Santo reside en las letras, es decir, en las formas arquetípicas del espesor y de la transparencia de la materia y de su perpetua resurrección. (p. 404)

 

Así mesmo, cómpre destacar aquí o verso “escribindo na sombra con luz vívida unha palabra soa [...]” (Pozo Garza, 2020a, p. 63), que recorda a unha frase pronunciada por José Ángel Valente no acto no que lle entregaron o VII premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana (1998): “La Tora estaba escrita con fuego negro sobre fuego blanco [...]” (Valente, 2008, p. 1584). Esta afirmación inscríbese precisamente nun discurso no que o propio Valente fala de Tres lecciones de tinieblas.

De novo, a cuarta estrofa entronca coa anteriormente citada autolectura de Valente en Tres lecciones de tinieblas:

En ciertos sistemas de análisis armónico se entiende que el Ursatz tiene un potencial expresivo universal y, por universal, objetivo. La creación dependería de la medida en que el compositor facilite (por tanteo o por espera) la convergencia de su propia energía con el Ursatz. Lo que en música se llama variación sería, desde ese punto de vista, un modo de meditación creadora sobre el movimiento primario, sobre una forma universal. (Valente, 2014d, p. 403)


 

 

Quizais esta estrofa e máis a quinta sexan nas que a poeta máis se aproxima á biografía do autor. Pois esa morte que “entraba licenciosa” (Pozo Garza, 2020a, p. 63) é a mesma que lle causou tanto sufrimento nos últimos meses de vida a José Ángel Valente (para máis información vid. García Lara, 2017, p. 436-457). De igual xeito o “magma” e as “augas” parecen facer referencia ás orixes do autor: Augasquentes, é dicir, Ourense.

Á sexta estrofa poderíaselle aplicar o dito a propósito da terceira, mais débese explicar aquí o exilio ao que fai referencia Luz Pozo Garza. Efectivamente, José Ángel Valente exiliouse primeiro de Galiza e, máis tarde, de España. Como xa quedou dito, o autor viviu a meirande parte da súa vida en Xenebra e tan só pasou a súa infancia e parte da adolescencia en Ourense e, xa nos últimos tempos, retirouse a Almería. Pese ao seu desterro físico, o autor sempre estivo atento ao que sucedía na Península a través dos compañeiros que permaneceron no país e que, especialmente a través das súas cartas, o informaban das novidades políticas, sociais, literarias e en definitiva, o mantiñan conectado ás súas orixes. De novo, aquí atópase a referencia a outro poemario de Valente, La memoria y los signos, a través de “signos de luz e historia” (Pozo Garza, 2020a, p. 63).

Na sétima estrofa conflúen o silencio, a voz, a tebra e o mito, todo o que representa a Valente e todo o que Valente representaba para Luz Pozo Garza, mais sempre tendo moi presente a “fidelidade da morte” (Pozo Garza, 2020a, p. 63), fondo común a todo o poema. Mentres, na seguinte estrofa a poeta retrotráese tanto até a infancia de José Ángel Valente como até a súa propia, ambos na patria.

Novamente, na novena estrofa cita aos poetas admirados por Valente e que xa se comentaron anteriormente, aínda que nesta ocasión parece engadir un matiz de irremediábel aceptación da morte. Ademais, a ditos poetas suma ao que para ela era o seu poeta admirado: Valente.

Na décima estrofa alude ao poemario No amanece el cantor de José Ángel Valente con “e xa neste vacío que foi reino das aves” (Pozo Garza, 2020a, p. 63). Engade tamén outra referencia biográfica do autor con “e agora a voz aquela vai entrando na orixe” (Pozo Garza, 2020a, p. 63), xa que José Ángel Valente volveu a Augasquentes para ficar para sempre.

Na penúltima estrofa Luz Pozo Garza alude ao poemario Treinta y siete fragmentos de José Ángel Valente de maneira máis explícita, “os fragmentos rotos” (Pozo Garza, 2020a, p. 63), así como a Fragmentos de un libro futuro. Menciona a autora o epitafio, forma empregada polo propio José Ángel Valente até en catro ocasións: a primeira delas en A modo de esperanza, a segunda en La memoria y los signos, a terceira en “Epitafio para un desconocido”, composición recollida na poesía dispersa ou inédita publicada no volume Poesía completa de José Ángel Valente (2014b, p. 804-805), e a cuarta en “Proyecto de epitafio” (Valente, 2014c, p. 552) no xa mencionado Fragmentos de un libro futuro. Aínda no derradeiro verso da estrofa alude, como xa fixera anteriormente, a El fulgor de José Ángel Valente.

Remata o poema cun grito de invocación e de dor pola morte dos bos poetas que xa non poderán salvar o xénero, pero non só en alusión a Rimbaud e Lautréamont, senón tamén ao destinatario último da composición: José Ángel Valente. Así, Luz Pozo Garza considera que coa morte do poeta tamén se está a producir a morte do xénero poético.

O segundo poema de Luz Pozo Garza dedicado a José Ángel Valente é “Divertimento coas letras”, que se inclúe no número 25 de Unión Libre (p. 64). Porén, no ano 2012 é retocado artística e paratextualmente pola poeta para a súa publicación na súa revista Clave Orión, números XVI-XVII, anos 2009-2017 (p. 24).


 

 

(DIVERTIMENTO COAS LETRAS):

FERMOSÍSIMO o F que flamea…

VALENTE:

·      Fermoso o F do Fulgor de Valente para ferir as sombras,

franquear a harmonía -mesmo a morte-

¿Morrer de tanta morte ou fondear a vida? Nin sei:

Fidelidade ó principio da música, se cadra unha Lección de Tebras, alfabeto sagrado e laios

profeta Xeremías.

Profesar. Profesar na harmonía

ese foi o destino da música. O destino do verso.

O destino da fala.

O destino da flor que non se extingue.

Os fugaces perfumes que sempre nos fascinan e

que afloran nas sílabas máis íntimas do ser de cando se ama. (Pozo Garza, 2020b, p. 64)

 

 

Este poema, máis breve, é moi similar en contido ao anterior como é de agardar pola escrita destinada á memoria da mesma persoa, xa que tamén se inicia coa referencia á obra de José Ángel Valente El fulgor. De igual xeito, aparece tamén mencionado, esta vez de forma totalmente explícita “Lección de Tebras”, en clara alusión ao poemario Tres lecciones de tinieblas do ourensán. De novo, pode volver a trazarse un diálogo entre o poema de Luz Pozo Garza e a autolectura que fai José Ángel Valente da súa propia obra Tres lecciones de tinieblas:

Todas las lecciones de tinieblas, género sacro que ensayaron tantos grandes maestros, tienen la misma estructura. Se canta en ellas una letra del alfabeto hebreo y a continuación un fragmento de las Lamentaciones de Jeremías, profeta. [...] El eje horizontal es el eje de la historia, el eje de la destrucción, de la soledad, del exilio, del dolor, del llanto del profeta que termina siempre con este lacerante aviso: [...]. (Valente, 2014d, p. 403)

 

Conclusión

A existencia dun vínculo persoal e literario entre Luz Pozo Garza e José Ángel Valente queda demostrada a través dos dous encontros e das dedicatorias, catro del a ela e unha dela a el, dos autores. Poderíase dicir que esta relación foi de maior admiración por parte de Luz Pozo Garza ao poeta ourensán, xa que ela coñecía a súa obra poética previamente e, ademais, os dous encontros que tiveron sucederon porque precisamente ela asistiu como público ás presentacións literarias do autor. Así mesmo, as dedicatorias atesouradas na biblioteca da Cátedra Valente e na Biblioteca de Galicia son claros testemuños dos encontros, da simpatía e dos ecos literarios que nelas se poden ler, así como nos poemas dedicados a José Ángel Valente por parte de Luz Pozo Garza. Ademais, a dedicatoria de Valente a Luz Pozo Garza en Material memoria (1979-1989) podería apuntar á existencia dun intercambio epistolar entre ambos, hoxe descoñecido, xa que nas institucións nas que se custodian os seus legados non existen indicios que poidan confirmar esta hipótese.

En canto aos poemas “Autolectura do fulgor” e “Divertimento coas letras” é evidente, independentemente da época de publicación de cada un deles, que ambos foron escritos no mesmo ano, como testemuña a correspondencia intercambiada cos poetas Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, e nunha mesma etapa compositiva. Ambas composicións son moi alusivas,


 

 

en especial, á obra de José Ángel Valente, por exemplo, coas referencias á antoloxía El fulgor e á autolectura de Tres lecciones de tinieblas. En definitiva, Luz Pozo Garza escolle as palabras exactas, cargadas de significado, non só porque estea facendo poesía, senón tamén por a quen van dirixidas esas palabras, a outro poeta, un dos que ela máis admirou. Coa morte sempre de fondo, a autora réndelle homenaxe a José Ángel Valente, ao que definiu como “un poeta moi fondo que regresa á súa orixe” (Pozo Garza, 2020c, p. 62).

 

Referencias bibliográficas

Blanco, C. (2002). Luz Pozo Garza: a ave do norte. Linteo.

Blanco, C. (2006). Extranjera en su patria: cuatro poetas gallegos: Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luís Pimentel, Luz Pozo Garza. Círculo de Lectores, Galaxia Gutenberg.

Cátedra Valente (7 de marzo de 2023). Centenario de Luz Pozo Garza na Cátedra Valente. Cátedra                             Valente.                [Arquivo                de                Vídeo].                Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=7aEoGVftHHE&t=3319s

García Lara, F. (2017). Almería 1985-2000. En C. Rodríguez Fer, M. Fernández Rodríguez e F. García Lara (Ed.), Valente Vital (Magreb, Israel, Almería) (pp. 363-457). Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Pozo Garza, L. (2001). Autolectura do fulgor. En Sociedade a Nosa Xenebra (Ed.), Homaxe a José Ángel Valente (pp. 23-24). A Nosa Galiza.

Pozo Garza, L. (2009-2017). Divertimento coas letras. Clave Orión, (XVI-XVII), 24.

Pozo Garza, L. (2010). Autolectura do fulgor. En C. Rodríguez Fer (Ed.), Poetas con Valente (pp.

16-19). Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Pozo Garza, L. (2020a). Autolectura do fulgor. Unión Libre. Cadernos de vida e Culturas, 25, p. 63. https://www.unionlibre.org/artigos/artigosarte.htm

Pozo Garza, L. (2020b). Divertimento coas letras. Unión Libre. Cadernos de vida e Culturas, 25,

p. 64. https://www.unionlibre.org/artigos/artigosarte.htm

Pozo Garza, L. (2020c). [Cartas e correos electrónicos]. Unión Libre. Cadernos de vida e Culturas, 25, pp. 52, 62, 113, 129 e 135. https://www.unionlibre.org/artigos/artigosarte.htm

Redondo Abal, F. X. e García Candeira, M. (2016). Biblioteca de José Ángel Valente. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Rodríguez Fer, C. (2012). Valente en Galicia: Quedar para siempre. En C. Rodríguez Fer, M. Agudo Ramírez e M. Fernández Rodríguez (Eds.), Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) (pp. 136-137 e 146). Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Rodríguez Fer, C. (2018). La lengua preoriginaria. En C. Rodríguez Fer (Ed.), Valente infinito. (Libertad creativa y conexiones interculturales) (pp. 99-109). Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

Valente, J. Á. (1991). Punto ce ro. En Residencia de Estudiantes (Ed.), Rimbaud: 1891-1991 (p.

19). Residencia de Estudiantes.

Valente, J. Á. (2008). Discurso en el acto de entrega del VII premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. En A. Sánchez Robayna (Ed.) e C. Rodríguez Fer (introducción e recompilación), Obras completas [T. II] (pp. 1583-1586). Círculo de Lectores, Galaxia Gutenberg.