Exposición sobre a iconografía artística de José Ángel Valente, por Claudio Rodríguer Fer
Rodríguez Fer, Claudio - miércoles, 12 de febrero de 2025/ Galicia Digital
José Ángel Valente (Ourense, 1929 -
Xenebra, 2000) foi retratado en distintos xéneros artísticos, tanto en
vida como postumamente, mediante diversas técnicas plásticas, dende o
debuxo á pintura e dende a caricatura á colaxe, obras que se conservan,
en orixinal ou en reprodución, na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e
Estética que teño a honra de dirixir na Universidade de Santiago de
Compostela. Por isto cómpre celebrar a exposición inaugurada o 4 de
febreiro deste 2025 na Facultade de Filoloxía baixo o título
"Iconografía artística de José Ángel Valente 1955-2024" como parte das
actividades programadas polo 50º aniversario deste centro, así como
coincidindo co 25.º aniversario do falecemento do poeta e da conseguinte
fundación naquel ano 2000 da Cátedra Valente, onde se custodian o
arquivo e a biblioteca persoais do escritor. O material exposto abrangue
case sete décadas de arte, pois se remonta a 1955 e chega ata 2024,
razón pola cal é tan variado estilística como conceptualmente.
Foron, en efecto, moitos os artistas que prestaron atención á figura de Valente, quen colaborou a miúdo con pintores e escultores, entre os que se encontran Tàpies, Saura, Chillida, Rebeyrolle, Partenheimer, Salinas ou Forteza. Mesmo despois da súa morte continuaron aparecendo libros de artista acompañando os seus textos, como foi o caso de "Cima del canto" (2001), con serigrafías da súa esposa Coral, ou "Alén" (2007), do pintor galego Leopoldo Nóvoa, ambos editados con versos escolmados e prologados por min. En correspondencia, moitos dos poemas de Valente son écfrases de obras artísticas e moitos dos seus ensaios versaron sobre arte, como puxo en evidencia o seu libro póstumo "Elogio del calígrafo" (2002).
![Exposición sobre a iconografía artística de José Ángel Valente](https://www.galiciadigital.com/images/OPINION/fotos/fer202502121.jpg)
Foron, en efecto, moitos os artistas que prestaron atención á figura de Valente, quen colaborou a miúdo con pintores e escultores, entre os que se encontran Tàpies, Saura, Chillida, Rebeyrolle, Partenheimer, Salinas ou Forteza. Mesmo despois da súa morte continuaron aparecendo libros de artista acompañando os seus textos, como foi o caso de "Cima del canto" (2001), con serigrafías da súa esposa Coral, ou "Alén" (2007), do pintor galego Leopoldo Nóvoa, ambos editados con versos escolmados e prologados por min. En correspondencia, moitos dos poemas de Valente son écfrases de obras artísticas e moitos dos seus ensaios versaron sobre arte, como puxo en evidencia o seu libro póstumo "Elogio del calígrafo" (2002).
A presente exposición foi comisariada pola investigadora e activista cultural Laura Paz Fentanes, titulada cun grao e cun mestrado pola antedita Facultade de Filoloxía e actualmente doutoranda en Valente, autor sobre quen realizou numerosas publicacións. Para levar a bo cabo esta mostra contou co acolledor patrocinio de dúas eficientes e sinerxéticas vicedecanas de actividades culturais, pois iniciou o seu proxecto cando ocupaba tal cargo a profesora hispanista Alejandra Ulla Lorenzo e rematouno ocupándoo a profesora anglicista Elsa González Álvarez.
Os primeiros retratos artísticos de Valente feitos en Galicia foron realizados durante os anos cincuenta por dous conterráneos do seu Ourense natal, ambos creadores de raíz expresionista: o tan literario Manuel Prego de Oliver, quen lle fixo un debuxo de perfil logo executado en linóleo, e o tan galaico Virxilio, quen lle fixo dous debuxos en pose sedente. Nestes tres casos o poeta aparece xa con gafas e lucindo o bigote que adoitaba levar naquela época da súa mocidade e que despois repudiou. Máis tarde, Valente dedicou un poema en prosa aos seus amigos de xuventude, entre os que se encontraba Virxilio, quen á súa vez entregou dous cadros de entrañable temática ourensá á Cátedra Valente expresamente dedicados ao poeta.
Un posterior artista da provincia ourensá, o celanovés Baldomero Moreiras, achegou a esta exposición un orixinal retrato en forma de colaxe realizado en 2024 e titulado "José Ángel Valente con paxaros amarelos", que remite á elexía valenteana "Paisaje con pájaros amarillos", denominación á súa vez ecoica do cadro homónimo de Paul Klee. Outro artista galego representado na mostra é o pontevedrés Xosé Freixanes, autor dunha silueta evocadora de Valente na cuberta do libro "Faíscas xacobeas" (1999), datado en Xenebra un ano antes do falecemento de Valente. Tras este, o cantautor vigués-venezolano e pintor pop Xulio Formoso debuxou en cor o poeta en Galicia e en París para ilustrar recensións no Faro de Vigo dos primeiros ensaios biográficos da serie "Valente vital", editados pola Cátedra Valente e respectivamente relativos aos ditos ámbitos, ademais de retratalo tamén coa súa biblioteca almeriense.
A artista que máis veces retratou a Valente foi sen dúbida a luguesa Sara Lamas, quen ilustrou unha gran cantidade de publicacións presentes na mostra, como os libros "El tejedor de redes. Análisis integral de la narrativa de José Ángel Valente" (2006), de Manuel Fernández Rodríguez, e "Poetas con Valente" (2010), compendio de versos de seis autores (Luz Pozo Garza, Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Tera Blanco de Saracho). Ademais, ilustrou o número monográfico sobre Valente da revista universitaria lucense "Evohé" (2021), ao que contribuíu cunha caricatura o estudante Aarón Rodríguez No. Mais Sara Lamas ilustrou moi diversos traballos valentistas na prensa de Galicia e doutros lugares, focalizando fundamentalmente o rostro do poeta, aínda que nunha das obras retratou as súas mans entrelazadas con textos manuscritos. O seu emblemático debuxo "Valente con mandorla", alusivo ao poemario erótico-místico "Mandorla", foi o escollido para a realización da tarxeta explicativa da exposición, así como para o cartel anunciador deseñado pola propia comisaria Laura Paz Fentanes.
Abunda así mesmo o retrato de Valente en deseños diversos, ás veces tan orixinais como o aparecido en forma de carauta para anunciar a miña conferencia "Valente ou a erótica do baleiro" no ciclo "Galicia Ceo das Letras", realizado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (2011). En canto a soportes alternativos ao papel, pode mencionarse o retrato efectuado pola profesora lucense Ruth Fernández Fernández, precisamente doutora en Valente, na cuberta de coiro dun caderno artesán (2024).
De fóra de Galicia, salientou a pintura do artista alacantino Ramón Pérez Carrió, quen retratou varias veces a Valente, comezando por un gravado incluído na súa edición de artista do poemario valenteano "Tres lecciones de tinieblas" (2000). Así mesmo, pintou os cadros "La casa alquímica ( A José Ángel Valente)" (2000), onde figuran textos do poeta e a escaleira de caracol da súa casa en Almería, e "José Ángel Valente en Rodalquilar" (2013), pertencente á súa colección "Retratos con paisajes", onde figuran os depósitos circulares das antigas minas de ouro da dita localidade almeriense. A primeira destas obras apareceu reproducida no catálogo da exposición "A palabra e a súa sombra. José Ángel Valente: o poeta e as artes" (2003), exhibida na Universidade de Santiago de Compostela, e parcialmente na cuberta dun libro da Fundación Max Aub sobre a relación dos dous escritores en cuestión (2001).
A isto poden engadirse outros libros que acolleron retratos de Valente, como o deseñado por Juan José Vázquez na cuberta do meu libro "José Ángel Valente" (1992), publicado na serie "El escritor y la crítica" da Editorial Taurus, ou o debuxado polo manchego Ramón Palmeral, publicado na súa obra "La dureza curvada del sílex" (2020) xunto a outro retrato da escritora Carmen Martín Gaite. Entre as extravagancias máis curiosas, existen dúas zoomórficas: un debuxo anónimo e inédito metamorfoseando a Valente nun can parecido ao triste e melancólico "basset hound" Droopy dos debuxos animados co rótulo "Soy kafkiano" e unha colaxe na que o poeta aparece convertido en paxaro engaiolado por barrotes de palabras publicado en cor no suplemento cultural "Pérgola" do diario municipal "Bilbao".
Agora ben, o que máis abunda son os debuxos e as caricaturas de Valente que apareceron na prensa española, especialmente en diarios de Madrid ("Abc", "El País", "Diario 16", "El Mundo", "La Razón"). O primeiro retrato en diario foi quizais o do pintor estremeño Antonio Solís Ávila no "Abc", en 1954, ilustrando a noticia da obtención por Valente do Premio Adonais de Poesía. E o primeiro retrato en revista debeu ser probablemente o publicado na tamén madrileña "Ínsula", onde se repetiu varias veces dende 1961, e debuxado polo pintor valenciano Ricardo Zamorano, comprometido artista este que formou parte do contestatario grupo Estampa Popular. Trátase en ambos casos do trazo realista do rostro xuvenil do poeta con gafas e bigote.
Mais no diario "Abc" foron varios os debuxos tamén dabondo realistas acometidos durante os anos oitenta e noventa polo artista coruñés Manuel Mampaso, antes pioneiro da pintura abstracta España, e reproducidos no dito periódico en moi numerosas ocasións. En cor e en "El Cultural" de "El Mundo" debuxouno no ano 2000, xunto ao escritor cubano José Lezama Lima, e no ano 2011 en portada, xunto ao titular "Vuelve el gran Valente", o artista aragonés Julián Grau Santos, así mesmo histórico retratista de "Abc", onde tamén debuxou ao poeta este ilustrador de referencia en varios medios.
Pero foron moitas as publicacións que contiveron caricaturas ou retratos intervidos de Valente, por exemplo, debidos a Michel, Sciammarella e Fernando Vicente en "El País", a Loriga e César Cuervo en "Diario 16", a Gusi Bejer en "El Cultural" de "El Mundo" ou a Raúl en "La Razón". Tales caricaturas proliferaron de Norte a Sur da Península Ibérica, pois estendéronse dende o diario "El Norte de Castilla" de Valladolid (por Guerra) aos xornais andaluces "La Nueva España" de Almería e "La Opinión de Málaga" (en ambos medios por Pablo García). Especial visibilidade tivo o perfil caricaturesco feito polo pintor expresionista Álvaro Delgado, un tempo referencial retratista no "Abc", para a portada titulada "Valente inédito" do número de "El Cultural" de "El Mundo" do ano 2000 no que eu mesmo presentei unha reportaxe sobre o consello de guerra franquista que xulgou e condenou ao escritor.
E, por suposto, Valente tamén apareceu debuxado ou caricaturizado na prensa galega, por exemplo, polo citado Prego nos periódicos ourensáns "Hoja del Lunes" e "La Región", por Loriga e Sara Lamas no diario coruñés "La Voz de Galicia" e por Javier Aguilera e Xulio Formoso no xornal olívico "Faro de Vigo". Ademais, foi retratado polo pintor ourensán Carlos Quesada, membro dunha numerosa familia de artistas, e nas Bienais da Caricatura de Ourense foron publicadas caricaturas do poeta asinadas por Vega e por Carrera.
No ámbito da prensa cultural, Avallone e Sciammarella caricaturizárono na revista barcelonesa "El Ciervo": o primeiro xunto ao poeta romanés de expresión alemá Paul Celan e o segundo anticipando xa o estilo expresionista que desenvolvería sobre todo no diario "El País", onde publicou en branco e negro e en cor as máis experimentais caricaturas existentes do escritor. Porque aínda que Valente foi retratado maioritariamente por debuxantes españois, tamén o caricaturizaron artistas doutras nacionalidades, como o cubano David na revista habaneira Bohemia ou os citados arxentinos Carlos Avallone, Agustín Sciammarella e Gusi Bejer nos medios españois anteditos.
Valente lembraba a miúdo a lenda chinesa do mestre calígrafo que chegou a conseguir que a ave que debuxaba se convertese na ave mesma e voase ata desaparecer. Acaso os retratistas de Valente lograsen dalgún xeito que os seus retratos se convertesen no poeta ausente que segue presente na poesía do punto cero, da material memoria, dos fragmentos dun libro futuro e das cántigas de alén. Porque, se o verbo de Valente pode encarnarse como se encarna, por que non o seu retrato?
![Rodríguez Fer, Claudio](https://www.galiciadigital.com/_images/opinion/181.jpg)
Rodríguez Fer, Claudio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES